Monday 13 de May de 2024

Obradoiro de rakú no Museo Os Oleiros


O Museo Os Oleiros abre mañá martes día 14 de febreiro o prazo de inscrición para un obradoiro no que as persoas que participen aprenderán a experimentar en primeira persoa a sorprendente técnica do rakú.

A actividade vai dirixida a maiores de 12 anos e ten unha duración de dúas xornadas, 25 de febreiro e 4 ou 11 de marzo. Para obter máis información sobre o obradoiro así coma para formalizar as inscricións é preciso dirixirse ao Museo Os Oleiros, situado nas Torres de Santa Cruz. Tamén é posible chamar por teléfono ao 981 626 692 ou enviar un correo electrónico a museos@oleiros.org.

O raku é o nome que reciben tanto a técnica como un tipo de olería de orixe xaponés. Consiste na aplicación de distintos esmaltes sobre a superficie das pezas que despois se levan ao forno. Cando os esmaltes alcanzan o seu punto de cocemento sácanse aínda incandescentes coa axuda de pinzas de ferro e deposítanse nun recipiente cheo de serraduras (tamén se poden usar follas secas ou anacos de periódicos). Cando as pezas tocan estes materiais incéndianse e xérase unha enorme cantidade de fume que penetra na peza. Os esmaltes reaccionan co fume e a calor e converten os óxidos en metais. Logo de varios minutos, o proceso químico fíxase baixando bruscamente a temperatura con auga. O resultado de todo este proceso fai que xurdan na superficie da cerámica cambios de cor e efectos sorprendentes.